- Mohammed AbuSakha foi detido o 14 de decembro sen cargos nin dereito a xuízo
- Os militares israelís mantéñeno illado desde entón en centros de detención cisxordanos
- En 72 horas as Forzas de Ocupación Israelís (FOI) formalizarán a orde de detención administrativa
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2015. Con data de onte, 22 de decembro de 2015, o Tribunal Militar de Salem, na Cisxordania ocupada, aprobou a detención administrativa do artista e amigo palestino Mohammed AbuSakha, de 23 anos, clown e profesor de Palestinian Circus School e artivista en Festiclown Palestina. A orde de detención administrativa, -práctica que viola os dereitos humanos ao deter indefinidamente a persoas sen cargos nin xuízo-, será efectiva ás 72 horas tras a súa aprobación por parte das Forzas de Ocupación Israelís (FOI). Desde Pallasos en Rebeldía manifestamos o noso profundo rexeitamento a esta detención ilegal e arbitraria e esiximos a revogación inmediata da detención de Mohammed AbuSakha por parte de Israel.
A detención produciuse o luns 14 de decembro no posto de control de Zaatara cando se dirixía da súa casa familiar en Xenín a un concerto de música en Ramallah. Desde entón non se sabe nada do estado de AbuSakha posto que está en réxime de illamento en centros de detención militares cisxordanos.
Rogamos a medios de comunicación, colectivos sociais, ao mundo do circo e tod@s @s amantes da liberdade, que se sumen a esta iniciativa de firme oposición á detención e a colaborar a exercer presión a nivel internacional. Para iso, propuxéronse varias vías participativas no marco dun movemento social xa iniciado hai días nas redes sociais e ao que se sumou o noso colectivo:
- Organizar manifestacións e accións de protesta fronte ao consulado israelí ou as embaixadas de cada país para denunciar esta detención e as que veñen facendo os militares israelís indiscriminadamente nos últimos meses.
- Contactar con autoridades con competencias en Palestina para que medien neste conflito, desde membros de Parlamento Europeo ou nacionais, representantes políticos, os Ministerios de Asuntos Exteriores, consulados ou embaixadas diplomáticas, etc.
- Difundir entre os medios de comunicación e os novos medios sociais (mailing, Facebook, Twitter) para que se coñeza a historia deste docente e artista de circo detido arbitrariamente e a ilegalidade do frecuente uso da detención administrativa sen cargos por parte dos militares israelís.
Sobre Mohammed AbuSakha
O palestino Mohammed AbuSakha é un mozo entregado ao mundo circense, apaixonado e comprometido con programas sociais en Palestina. Desde 2011 traballa como profesor a tempo completo na Palestinian Circus School, escola na que primeiramente foi formado desde o ano 2007. Con anterioridade, participou en varios espectáculos de circo nos que foi asesorado na dirección de clown por Iván Prado, portavoz de Pallasos en Rebeldía e director de Festiclown, con quen mantén unha relación de amizade, ademais de asistir a múltiples formacións do noso colectivo. En 2011 sumouse ao proxecto Festiclown Palestina, que celebraba a súa primeira edición, e desde entón foi un artista incondicional en todas as edicións do festival. AbuSakha é na actualidade un recoñecido artista e docente e un clown moi querido polos seus alumnos e público ao que se entrega en corpo e alma.
Fdo.: Iván Prado
Portavoz internacional de Pallasos en Rebeldía.
Director de Festiclown Galicia-2.0-Palestina-Wirikuta-Favela-Chiminigagua-PelaTerra